4/19/2011

A Casa da Cultura quedase pequena para acoller a presentación da candidatura do BNG




O noso candidato, Xaquín García foi arroupado polo resto da candidatura que o acompañou no escenario, nun acto no que Mari Carmen Torreiro, número 3 da candidatura foi a encargada de presentar o acto, dándolle paso ao número 2 da lista e actual concelleiro de Cultura, Mocidade, Educación e Normalización Lingüística, José Luis García, quen fixo un extraordinario discurso do traballo do goberno do BNG nos últimos oito anos. José Luis García centrou a súa alocución en lebrar aos asistentes cal era o estado do concello antes da chegada do BNG ao goberno e os logros deste ao fronte do municipio, un cambio notable e para mellor.

A convidada ao acto foi a nacionalista Encarna Otero, ademais de amosarse encantada de visitar Arzúa unha vez máis, fixo un discurso centrado en animar á cidadanía a seguir crendo no proxecto nacionalista, un proxecto diferente, pensado para o progreso e mellora do benestar social, da igualdade entre homes e mulleres...

O último turno foi para Xaquín García, actual alcalde e candidato do BNG ás eleccións de maio. Xaquín García botou man do seu mellor aval, o traballo do seu goberno nestas dúas últimas lexislaturas e fixo un repaso polas actuacións máis salientables conseguidas. Referiuse á aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal e adicou un apartado especial e central ás parroquias: coidado de pistas e camiños, rehabilitación do seu patrimonio (fontes, lavadoiros...) e salientou un investimento de 1,5 millóns de euros na construcción de centros sociais, que hoxe acaparan todo a actividades social, cultural, lúdica e formativa dos núcleos rurais. Adiantou a próxima instalación de rede wifi en todos os locais sociais para que os veciños e veciñas poidan acceder gratuítamente a internet e informou da colocación de parques biosaudables en todas as parroquias.

Unha das accións que o noso Alcalde destacou foi a completa renovación das instalacións deportivas, o acondicionamento do Centro Sociocultural María Mariño no que hoxe hai biblioteca, local de ensairo, telecentro de comunicación, locais para asociacións...

Non deixou de facer referencia a aquelas melloras que moitas veces non se ven nin son electoralistas, pero que serven para mellorar a calidade de vida, non son outras que ás melloras no medio ambiente: saneamento, depuradora, abastecemento de auga potable...

Un apartado especial foi o que adicou a falar da humanización das rúas e dun proxecto que cambiará para sempre a imaxe de Arzúa, a reurbanización da estrada nacional 547, aproveitou para agradecerlle a Francisco Jorquera, deputado nacionalista en Madrid, o seu apoio para o logro do financiamento preciso para a realización desta actuación, 2 millóns de euros.

En tempos de crise e coas tasas máis altas de paro no noso país, Xaquín García salientou do seu goberno a creación dun Plan Municipal de Investimento para o mantemento do emprego, mediante o cal se contribuiu a manter os índices de emprego no municipio.

O benestar social, a xente maior e as persoas con dificultades foron outras das preocupacións do goberno de Xaquín García, quen salientou que se multiplicou a axuda a domicilio, se contratou unha nova traballadora social e se impulsou o programa de xantar na casa.

De cara ao futuro, Xaquín García avanzou algunha das propostas do seu programa de cara ás vindeiras eleccións, nel destacou a creación dun viveiro de empresas nunha parcela da 2ª fase do polígono industrial onde a xente emprendedora do noso concello poderá formarse de cara ao futuro.

Rematou a súa arenga o candidato do BNG e actual alcalde confiando en que "co noso esforzo, dos militantes e simpatizantes do BNG, xunto coa vosa confianza estou seguro que acadaremos os apoios suficientes para que Arzúa siga camiñando pola senda do futuro e do progreso".

Foi un acto no que se creou un ambiente de ilusión e que de seguro servirá para ilusionar aína máis a toda esa xente que apoia ao BNG no noso concello.

0 comentários:

Postar um comentário